
A cidade
Santiago de Compostela (xentilicio: Santiagués ou tamén Compostelán) é un concello da provincia de Coruña, pertencente á comarca de Santiago da cal é capital. Compostelá constitúe a capital cultural e política de Galiza. Nela atópase o goberno autonómico da Xunta de Galicia. Tamén é Sede Arcebispal e o destino das diferentes rotas que conforman o camiño de Santiago declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade ao igual co seu casco vello pertencente á lista dende o ano 1985. Santiago de Compostela ten unha poboación de 93.712 habitantes (2007), o que a fai a quinta cidade galega despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo, do que só a separan cen habitantes. O concello posúe unha densidade de poboación de 420,23 hab./km², e unha superficie de 223 km².
Santiago de Compostela atópase no sur da provincia da Coruña, a cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos regatos Sar e Sarela; Santiago fai fronteira polo norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso, polo sur, con Teo, Vedra e Boqueixón, polo leste, co Pino e Touro e polo oeste, con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vintenove parroquias rurais.
No territorio que actualmente ocupa a catedral de Santiago existía un poboado romano, que se tende a identificar como a mansión romana de Aseconia que existiu entre a segunda metade do século I e o século V, o poboado desapareceu pero permaneceu unha necrópole que tivo uso quizais ata o século VII.
O nacemento de Santiago como se coñece agora está ligada á descoberta (presumible) dos restos do Apóstolo Santiago entre o 820 e o 835, a elevación do rango relixioso dos restos, a Universidade e na actualidade á capitalidade de Galiza.
Segundo a tradición medieval, como aparece por primeira vez na Concordia de Antealtares (1077), o eremita Paio alertado por luces nocturnas que se producían no bosque de Libredón avisou o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, quen descubriu os restos de Santiago o Maior e de dous dos seus discípulos, no lugar que posteriormente se levantaría Compostela, topónimo que podería vir de Campus Stellae, isto é "campo de estrelas", ou máis probabelmente de Composita Tella, "terras ben axeitadas", eufemismo por cemiterio; ou mesmo "[Ja]Com[e A]postol[u]"). A descoberta propiciou que Afonso II, necesitado de cohesión interna e apoio externo para o seu reino, fixera unha pelegrinaxe que anunciou no interior do seu reino e no exterior, a un novo lugar de pelegrinaxe da cristiandade nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.
Pouco a pouco foise desenvolvendo a cidade, primeiro estableceuse unha comunidade eclesiástica permanente a carón dos restos atopados formada polo bispo de Iria e os monxes de Antealtares, espontaneamente asentouse unha poboación heteroxénea, aínda que fundamentalmente estaba formada por emigrantes procedentes das aldeas próximas, que foi aumentando a medida que progresaba a peregrinación por razóns relixiosas por todo o occidente peninsular, reforzado polo privilexio concedido por Ordoño II no ano 915 polo que se establecía que calquera que permanecera corenta días sen ser reclamado como servo pasaba a ser considerado como un home libre con dereito a residir en Compostela. Lugar de coroación de monarcas do Reino de Galiza e do Reino de León, a cidade foi destruída por Almanzor o 10 de agosto do ano 997, que tan só respectou o sartego do apóstolo. Tras a volta dos habitantes comezou a reconstrución, o bispo Cresconio a mediados do século XI dotou á cidade dun cinto de foxos e unha muralla como medida defensiva.
No ano 1075 o bispo Diego Páez deu comezo a construción da catedral románica, o aumento da pelegrinaxe fai de Compostela un lugar de referencia relixiosa en Europa, aumentando a súa importancia, que se ve recompensada tamén politicamente, acadando na época do Arcebispo Diego Xelmírez a categoría de metropolitana para a igrexa compostelá (1120). Entre os séculos XII e XIII foise artellando a rede de rúas dentro do recinto amurallado. A chegada da Peste Negra a cidade supuxo unha forte recesión demográfica, a partir de 1380 recuperou poboación e no século XV tiña entre 4 e 5.000 habitantes.
A fundación da Universidade no século XVI e o arcebispo Alonso III de Fonseca danlle un novo pulo a atracción de Santiago, en particular en Galiza.
O establecemento da autonomía en Galiza fixo dela a capital galega, obtendo como consecuencia un novo pulo na fin do século XX. É patrimonio da Humanidade, e foi capital europea da cultura no 2000. É a cidade máis representativa de Galiza.
